A Federación de Asociacións Veciñais de Vigo Eduardo Chao (Favec) rexeita a modificación da ordenanza do servizo de auga, que supón un encarecemento previsto na factura para os fogares de menos de tres empadroados, unha medida que considera “arbitraria”.
A presidente da entidade, María Pérez, avanza que a Federación “presentará alegacións” para defender os dereitos dos cidadáns de Vigo, que “xa pagan impostos moi altos”. Destaca que se prevé que a medida permitirá ao Concello ingresar ao redor de 1,6 millóns de euros máis o ano que vén, ata 42,6 millóns.
Pérez lembra que “os cidadáns xa levan anos pagando por unha auga que non consomen”. Explica que a partida fixa da factura supón unha gran parte do prezo que se paga finalmente, polo que esixe, unha vez máis, que se teña en conta o consumo real. “Sen abrir a billa unha soa vez en dous meses, xa debes abonar case 30 euros”, engade.
35