A Federación galega de redeiras artesás O Peirao celebrou unha nova asemblea xeral

1 minutes read

A Federación galega de redeiras artesás O Peirao celebrou este sábado en Teo unha nova asemblea, a que mostraron o seu apoio a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo. Nesta xuntanza puxeron en valor o traballo deste colectivo, un dos máis feminizados no eido da pesca, onde o 86,28% das súas persoas traballadoras son mulleres. Na reunión puideron escoitar as preocupacións e logros da entidade co obxectivo de poder atender as súas principais demandas.

A Federación mantén desde 2019 un convenio de colaboración coa administración autonómica para o desenvolvemento de accións de prevención, sensibilización, e detección da violencia de xénero. O pasado ano, a través desta cooperación, recibiu un apoio de 20.000 euros. Así, esta iniciativa permite apoiar a organización de xornadas de prevención, detección e erradicación da violencia de xénero e o traballo dos servizos de asesoramento en materia de xénero e xurídica especializada en violencia de xénero e en mediación.


O traballo que realiza a Federación é fundamental para que o traballo das redeiras sexa recoñecido polo sector e o conxunto da sociedade, polo que indicou que o Goberno galego seguirá apoiando o labor desta entidade integrada por oito asociacións. Nos últimos anos, a Federación foi beneficiaria das axudas da Secretaría Xeral da Igualdade para fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres e para apoiar ás entidades de iniciativa social para o desenvolvemento de programas de mulleres.