A Federación Galega de Municipios e Provincias evidenciou o seu rexeitamento a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia ao entender que pon algunhas decisións urbanísticas en “mans privadas” coa consecuente “inseguridade xurídica” para os concellos.
O presidente da entidade, Alberto Varela, tras manter un encontro co vicepresidente económico, Francisco Conde, emitiu un comunicado trasladando “reticencias respecto a diversos aspectos relacionados co borrador da proposición de Lei” que actualmente se atopa en tramitación parlamentaria.
Para Varela “un punto inadmisible” da norma é o “que modifica a tramitación para poñer en marcha iniciativas empresariais con actuacións de tipo urbanístico”. Ao seu xuízo, o actual borrador permite que as iniciativas empresariais poidan desenvolverse cunha simple certificación de conformidade emitida por unha entidade de certificación e non cos preceptivos informes dos técnicos municipais “que pasarían a ser facultativos”.
Tamén criticou que as empresas certificadoras poidan ser parte interesada no devandito sector de negocio ante o que os concellos consideran que “ese procedemento xerará maior número de expedientes de reposición da legalidade urbanística e unha maior inseguridade xurídica en prexuízo dos propios emprendedores empresariais”.