A feira de Baio retomará tamén a súa actividade

1 minutes read

O próximo domingo, terceiro de mes, Baio acollerá de novo a súa tradicional feira,  a primeira dende a entrada en vigor do actual estado de alarma. Dacordo coa normativa, na feira haberá só produtos agrícolas e de alimentación. 

A feira do próximo domingo, 17 de maio, celebrarase con novas normas de seguridade e hixiene adaptadas á crise sanitaria actual. Deste xeito, o Concello de Zas marcará os postos ao longo da avenida Vidal Ríos mantendo as distancias de seguridade establecidas. Para evitar que a celebración da feira supoña un risco de contaxio, é necesario extremar as precaucións tanto por parte dos compradores como dos vendedores. No caso dos compradores, deberán manter a distancia de seguridade interpersoal (de 1,5 a 2 metros), non tocar os produtos expostos e usar mascarilla. Por parte dos vendedores, as medidas pasan por manter a distancia mínima entre postos, levar mascarilla, facer uso do xel hidroalcohólico e desinfectar o posto varias veces. Membros de Protección Civil de Zas serán os encargados de controlar o aforo e de facilitarlle unha mascarilla a todas aquelas persoas que visiten a feira e acudan sen ela. 

Por outra parte, tras a entrada en vigor da Fase 1 da desescalada, retomarase a actividade do feirón de Baio, que se celebra o 1º martes de cada mes, así como o mercado mensual de Zas (1º luns de mes). En ambos casos haberá unicamente produtos agrícolas e de alimentación.