A feira de Paiosaco celebrarase cos postos habituais, pero reducindo o seu espazo á metade

Foto.- dpm.

Este mércores celebrouse na Laracha unha nova reunión da comisión municipal de seguimento ante a Covid-19 para analizar a situación actual e de que modo afecta a determinados servizos municipais e actividades que se desenvolven baixo a organización do Concello.

Entre as cuestións de maior relevancia está o modo de celebración da feira de Paiosaco deste domingo día 1 de novembro. Tendo en conta as restricións do cincuenta por cento do aforo acordada pola Xunta de Galicia para eventos destas características, e despois de que o goberno local analizase a situación coa Asociación Profesional de Comercio Ambulante de Galicia (ACAPAG), tomouse o acordo de que se permitirá a instalación de todos os postos de venda pero coa limitación de que ocupen a metade do espazo habitual. Deste xeito favorecerase que poidan desenvolver a súa actividade en Paiosaco comerciantes de calquera sector.

Os membros da comisión de seguimento mostraron a súa satisfacción despois de que o Concello da Laracha baixase ao nivel 2 de alerta ao descender de 21 o número de casos confirmados por PCR nos últimos sete días. Neste sentido incidiron na importancia de continuar cumprindo as medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias e apelaron á responsabilidade da cidadanía para continuar reducindo o número de contaxios no termo municipal.

Outros acordos

Na reunión deuse conta de que o Concello incorporará un novo auxiliar administrativo como funcionario interino para cubrir necesidades urxentes ante o volume de traballo motivado polo incremento da tramitación de expedientes administrativos pola crise do coronavirus. Entre as súas funcións cabe salientar a tramitación das solicitudes de subvención nos plans de axudas impulsados polas diferentes administracións, cooperación cos diferentes departamentos municipais e tramitación dos expedientes sancionadores por incumprimento das medidas de prevención sanitaria. As bases do procedemento selectivo publicaranse no Boletín Oficial da Provincia nos próximos días.

Ademais, ante a limitación da liberdade de circulación das persoas entre as 23:00 e as 6:00 horas, acordouse que a Policía Local ampliará o seu horario os venres e os sábados ata a medianoite co propósito de exercer un maior control sobre o cumprimento desta normativa durante as fins de semana.