O domingo celebrarase unha nova xornada de feira en Paiosaco que estará limitada polos condicionantes establecidos polas autoridades competentes por seguridade ante a Covid-19. Será a segunda vez que se desenvolva a feira de Paiosaco durante o estado de alarma, flexibilizándose algunhas das medidas que foi preciso tomar na celebrada no segundo domingo do pasado mes de maio.
Nesta ocasión o Concello da Laracha, respectando o emprego dun máximo de un terzo do aforo, habilitará 120 postos de venda nun ámbito de 13.000 metros cadrados de superficie para facilitar que as persoas que acudan poidan gardar a distancia social. Dito espazo estará valado e contará con catro puntos de acceso e saída.
Permitirase a actividade a vendedores de produtos do campo, de alimentos elaborados e de artesanías. Os comerciantes que reservaran os seus postos de venda deberán montalos a partir das 8:00 horas do domingo, sempre baixo a supervisión da Policía Local, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e dos encargados municipais da feira para garantir o cumprimento das medidas de seguridade.
O Concello da Laracha agradece o excelente comportamento dos comerciantes e compradores na anterior feira, celebrada o 17 de maio, e volve pedir a colaboración de todas as persoas que acudan ao recinto feiral o domingo para desenvolver a actividade con garantías de seguridade.