A Feira do Cocido de Lalín recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional


  • A secretaria de Estado de Turismo avanzoulle ao conselleiro de Cultura e Turismo e ao alcalde de Lalín esta distinción ao cumprir con todos os requisitos.

A Feira do Cocido de Lalín, un evento que se celebra desde hai máis de 50 anos na comarca do Deza, será recoñecida como festa de Interese Turístico Internacional en próximas datas. Esta decisión foi avanzada pola secretaria de Estado de Turismo, Isabel Oliver, que, no marco de Fitur, confirmoulle este xoves ao conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e ao alcalde de Lalín, José Crespo, que a Feira do Cocido cumpre con todos os requisitos. Esta distinción supón o máximo recoñecemento que se pode acadar no eido turístico, algo que, ata agora, só conseguiron 11 celebracións de toda a Comunidade galega. Convértese, ademais, na primeira festa gastronómica en acadar este recoñecemento en toda España.

A Secretaría de Estado de Turismo outorgará en próximas datas esta declaración, culminando así un proceso que a Xunta de Galicia vén apoiando nos últimos anos ao tratarse dun evento que ocupa un lugar moi destacado dentro do modelo turístico galego que, ao conseguir esta declaración, acada unha destacada proxección turística tanto para o propio concello de Lalín como para toda a comarca do Deza. Ademais, esta nova distinción permitirá que a Feira do Cocido de Lalín acceda a unha axuda superior, de ata 40.000 euros, a través dos acordos que asina a Xunta anualmente con estas declaracións.

Pola súa data de celebración, considerada unha das citas gastronómicas máis importantes do inverno na comarca do Deza.