A XXV Festa da Lamprea do Ulla de Pontecesures repartiu este domingo máis de 350 menús degustación nas súas vodas de prata e no ano no que o Concello de Pontecesures presentou a súa candidatura a Festa de Interese Turístico de Galicia. Unhas racións das que deron boa conta as persoas asistentes a esta festa gastronómica, algúns para desfrutar das tres elaboracións, outros para iniciárense no consumo deste peixe, compartindo menú en familia ou en grupos de amigos.
A pregoeira deste ano, a actriz Isabel Blanco, bromeou cos tres anos que levaba agardando para “pregoar as excelencias da Dama do Ulla, esa meiga do río… ou do mar, que xenera amores e odios. O certo é que non deixa a ninguén indiferente”. Ademais, insistiu en que “para gustos, cores. E aos bos padaleadores non se lles perde unha cita coma esta en Pontecesures nin de broma, porque saben que a Dama sabe e que está deliciosa”.
Integrantes do Radio Club Tierra de Rosalía tamén estiveron presentes nesta festa, contactando con radioafeccionados de todo o mundo, aos que entregarán un Diploma con motivo da exaltación gastronómica da Lamprea do Ulla en Pontecesures e entre os que sortearán uns trofeos doados polo Concello de Pontecesures.