A directora de Turismo de Galicia , Nava Castro, participou no Consello de Turismo que aprobou este luns, en sesión extraordinaria, a declaración de dúas novas festas de interese turístico de Galicia logo de que estas acreditaran a súa antigüidade, singularidade, arraigo e valor cultural. Trátanse da Festa do Entroido de Foz e a Festa do Enterro da Sardiña de Marín. Ademais, durante este pleno tamén se aprobou o Plan de Inspección Turística da Comunidade para o ano 2023, cuxo obxectivo é o cumprimento da normativa turística de Galicia por quen realiza as actividades turísticas reguladas. Neste Plan hoxe aprobado mantéñense os obxectivos dos anteriores, dando así continuidade á actuación da inspección turística en Galicia para a procura da calidade e da excelencia neste sector.