Compostela acolleu este sábado a cuarta edición dos Premios Gala do Libro Galego, organizados conxuntamente pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG).
No acto, ademais de outorgar os galardóns correspondentes a obras publicadas ao longo de 2018, entregáronse tres premios honoríficos, un por cada unha das entidades convocantes. O Premio Honorífico á Editora, concedido pola Xunta directiva da Asociación Galega de Editoras, correspondeu a María Xosé Queizán. O Premio Honorífico á Libraría, concedido pola Xunta directiva da Federación de Librarías de Galicia, foi para Antonio Fernández Maira. Finalmente, a distinción Escritora Galega Universal, concedido pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, foi para a autora portuguesa Maria Teresa Horta.
O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, falou en nome dos tres colectivos, nun discurso no que alertou da «precariedade» na que vive o sistema cultural galego e o sector do libro. «Vainos a existencia en que a nosa lingua non sexa expulsada da vida cotiá, pois é alarmante o descenso de falantes, sendo esta imprescindíbel para a creación e a transmisión da cultura e do coñecemento».