A Festa de Exaltación do Pan de Cea chega á súa edición número trinta co obxectivo de acadar un novo récord de vendas. “Nesta ocasión poremos á disposición do público preto de 2.500 pezas”. Así o indicou esta mañá o presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan de Cea, Carlos Rodríguez, durante a presentación da XXX Festa de Exaltación do Pan de Cea, que se desenvolverá esta fin de semana no Campo da Saleta.
Na rolda de prensa tamén participaron o presidente da Deputación Provincial de Ourense, José Manuel Baltar, e o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luís Valladares. Ambos os dous gabaron as cualidades deste produto con indicativo de calidade e auguraron un novo éxito de convocatoria para esta exaltación gastronómica. O xornalista e locutor Marcial Mouzo será o pregoeiro desta edición.