A Festa do Polbo do Carballiño camiño da concesión da categoría de interese turístico internacional


A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, da Vicepresidencia primeira, ven de informar favorablemente a concesión da categoría de interese turístico internacional para a Festa do Polbo do Carballiño, segundo a orde ITC/85/2019, do 25 de xullo, pola que se regula a declaración de festas de interese turístico nacional e internacional.

Así, e de acordo con esta normativa, o departamento do Goberno galego remitiulle á Secretaria de Estado de Turismo, do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo o expediente administrativo co informe favorable da Xunta para a declaración desta festa co distintivo de interese internacional, xa que de acordo coa documentación presentada pola entidade promotora, neste caso o Concello do Carballiño, cúmprense os requisitos preceptivos para a concesión.

Segundo a antedita disposición administrativa do Goberno Central, para que unha festa poida optar á declaración de interese turístico internacional, debe contar previamente coa declaración de festa de interese autonómico e logo nacional, categoría esta última da que goza desde o ano 2012.