“A festa levámola dentro»: campaña do comercio carballés vinculada ao San Xoán

1 minutes read
  • A iniciativa, na que colaboran as concellarías de Festas, Promoción Económica e Mercados, desenvolverase dende o 14 ata o 30 de xuño

As festas do San Xoán tal e como as celebrabamos antes da chegada da pandemia aínda tardarán algo máis en volver. Este ano continuarán sendo máis familiares e nelas deberán respectarse as normas sanitarias. Iso si, hai moitas formas de poñer en valor esta data, e desde o comercio local de Carballo sábeno.

Conscientes de que o San Xoán sempre foi unha época forte para o comercio carballés, as concellarías de Festas, Promoción Económica e Mercados unen esforzos para intentar dinamizar as vendas a través dunha potente campaña de imaxe que incluirá como principais soportes a publicidade en medios de comunicación, vídeos e cartelería. A proposta foi aprobada este luns pola Xunta de Goberno Local.

O lema da campaña, cuxa imaxe darase a coñecer nos vindeiros días, será «A festa levámola dentro», porque «o San Xoán é unha celebración fortemente arraigada nos nosos corazóns, pero tamén porque é unha boa época do ano para mercar no comercio local e levar a festa dentro das bolsas da compra», sinalan os organizadores. Por suposto, as compras que se realicen nos establecementos colaboradores terán recompensa.

A campaña arrincará o día 14 e estenderase ata fin de mes. Os comercios que queiran participar deben inscribirse antes do venres cubrindo un formulario que se atopa na web do Concello. As prazas son limitadas.