As filloas de Lestedo foron as grandes protagonistas da xornada de apertura da Carpa do Cocido, celebrada este sábado en Lalín. Un dos eventos principais da programación da LVIII Feira do Cocido de Lalín presidido polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e polo alcalde de Lalín, Xosé Crespo Iglesias, ao que asistiron o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, e o presidente da Asociación Cultural da Filloa, Juan Manuel Silva, en virtude do irmandamento entre a Festa da Filloa de Lestedo e a Feira do Cocido de Lalín, asinado o ano pasado.
A filloa de Lestedo foi a gran protagonista da mañá pois, despois da visita institucional aos distintos postos presentes na carpa, o Concello de Boqueixón ofreceru unha degustación de filloa maridada con produtos derivados do porco achegados por Embutidos Lalinense, patrocinador da feira, e elaborados polo chef Álex Iglesias.
O cociñeiro lalinense preparou dúas elaboracións: “unha filloa de Lestedo rechea de orella con grelo á feira, cun pouquiño de pimentón, e logo quentámoslle uns oviños para que ligue todo, como se fora un pequeno revolto; mentres que a doce está rechea de requeixo de Anzuxao cunha confitura caseira de arandos”. Pola súa banda, Isabel Tejo, filloeira de Lestedo, encargouse de facilitar as bases das filloas, que tamén compartiu coas autoridades e persoas presentes na Feira.
Showcooking e xantar do Cocido
A próxima semana terá lugar a devolución da visita a Boqueixón por parte da Feira do Cocido. Así, o domingo 15 de febreiro, ás 12:30 horas, o chef Álex Iglesias protagonizará un showcookin sobre o Cocido de Lalín. Será ás 12:30 horas no local social de Lestedo. A entrada é de balde, sendo precisa inscrición previa en www.festadafilloadelestedo.gal.
A maiores, o domingo 22, a XLIII Festa da Filloa de Lestedo ofrecerá un Cocido da Filloa, elaborado tamén polo cociñeiro Álex Iglesias. Un auténtico cocido lalinense con filloas de Lestedo e carnes propias desta terra que poderá degustarse a partir das 14:30 horas no pavillón de Lestedo, cando remate o pregón e os atranques dos Xenerais da Ulla.