A Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, El Corte Inglés de Santiago e o Concello de Boqueixón presentaron este xoves unha acción de promoción da Festa da Filloa de Lestedo, que se desenvolverá na cafetería de El Corte Inglés nos próximos días. Así, dende o día 16 e ata o vindeiro 22 de febreiro, unha filloeira elaborará no centro comercial e en directo este produto tradicional da gastronomía galega tan típico do Entroido.
As xornadas foron presentadas polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; o responsable rexional de Gran Consumo, Club del Gourmet, Hostalería El Corte Inglés Galicia-Asturias, Raúl Vázquez Valleres; e o presidente da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, José Manuel Canabal.
Manuel Fernández Munín agradeceu a colaboración de El Corte Inglés na promoción da Festa da Filloa de Lestedo, declarada de interese turístico de Galicia. “Para o Concello de Boqueixón é un orgullo contar un ano máis co apoio de El Corte Inglés para poñer en valor un produto tan noso e tradicional como é a filloa de Lestedo”, sinalou o rexedor.
Dende este xoves 16 e ata o vindeiro 22 de febreiro, todos os días entre as 13.00 e as 16.30 horas, unha filloeira elaborará en directo Filloas de Lestedo na cafetería de El Corte Inglés de Santiago de Compostela. Os asistentes poderán degustar as filloas de forma gratuíta como anticipo da gran festa, que terá lugar o domingo 26 de febreiro en Boqueixón.