A final do Vimichef deixa ao descuberto a pequenos grandes chefs

1 minutes read
  • A actividade estivo englobada dentro do programa de conciliación familiar Vimiverán

O Concello de Vimianzo clausurou este venres a segunda quenda do Vimiverán, e fíxoo cunha final de infarto. Dentro deste programa de conciliación familiar desenvolveuse a iniciativa Vimichef, un obradoiro no que os cativos tiveron a oportunidade de amosar a súa destreza fronte aos fogóns e no que aprenderon sobre alimentación saudable e gastronomía local.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, acudiu á xornada de clausura, onde puido ver tanto os pratos principais como as sobremesas elaborados polos participantes aos que felicitou polo seu «enorme talento». A rexedora tamén agradeceu a «colaboración» do xurado do certame composto por Fabián, Obdulia e Helena, así como á da artista vimiancesa, Caridad Albela, que lles ensinou a decorar tellas para as súas cociñas. A concelleira de Benestar Social, María José Pose, e a responsable de Cultura, Rosa Blanco, tamén acudiron ao acto.

Posteriormente, tanto a rexedora como as concelleiras tamén se personaron no pavillón para despedir o Vimiverde e o Vimiverán en Salto e Carantoña. As edís de Benestar Social e Cultura alabaron as «excelentes cifras de participación desta edición» con preto de 300 participantes.