A Finca Tenreiro de Oleiros será transformada nun albergue


  • O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, asinaron un convenio de colaboración para cofinanciar esta transformación.

O proxecto consiste, en primeiro lugar, na finalización da rehabilitación e a adecuación do edificio ao seu novo uso como albergue con capacidade para 30 persoas. Na planta baixa demoleranse os vestiarios existentes, executando tres novos; instalarase unha cociña equipada para dar servizos de comidas e instalarase un novo sistema de xeración de calefacción e ACS por aerotermia, o que permitirá un importante aforro no consumo enerxético do inmoble.

Na primeira planta realizarase a división dunha gran sala diáfana en 5 dormitorios e poder aloxar, do mesmo xeito, a profesores/as ou monitores/as. Colocarase tamén un ascensor para facer o inmoble accesible e corrixiranse os accesos ao edificio, creando unha infraestrutura completamente adaptada para os usuarios con mobilidade reducida. Limparase a fachada e a cuberta e renovaranse tamén as barandillas, galerías e outros elementos de carpintería interior e exterior (galería, ventanas e portas), así como a escaleira exterior de pedra e a instalación eléctrica do edficio.

Na finca actuarase a través do seu acondicionamento para un uso seguro e accesible, recuperando os muros deteriorados polo paso do tempo e instalando proteccións na parte superior. Así mesmo preservaranse numerosos elementos cun gran valor patrimonial, que na actualidade están en situación de risco, e incluiranse uns novos accesos a través de camiños de pavimento empedrado de granito e novos sendeiros de xabre.

No peche da finca proxéctase a reparación dos muros exteriores, a reparación da porta do acceso orixinal, repoñeranse os módulos do valado de forxa que decoraban a parte superior do muro e instalarase un novo valado pola parte posterior da finca.

Coa execución deste proxecto acometerase a renovación dun edificio cun gran valor patrimonial, mellorando a súa seguridade, accesibilidade e a súa eficiencia enerxética.