A fiscalía recurre e pide a repetición do xuízo a Cifuentes polo caso Máster


A Fiscalía recorreu a sentenza da Audiencia Provincial de Madrid que absolveu a Cristina Cifuentes do delito de falsidade en documento oficial polo caso Máster e pide repetir o xuízo nun escrito que cuestiona a valoración das probas que fixo o tribunal. O Ministerio Público, que solicitou tres anos e tres meses de cárcere para a expresidenta da Comunidad de Madrid, solicita que se anule esa resolución ao entender que omite de maneira “irracional” e “incongruente” os “múltiples indicios” que afloraron nas cinco sesións do xuízo. E insta á celebración dunha nova vista oral ante a falta de “racionalidade e lóxica” na motivación que fai a sentenza sobre o papel que xogou a expresidenta rexional na falsificación da acta do seu traballo de fin de máster.