A folga do persoal da CRTVG obrigou a cancelar programas históricos da cadea

1 minutes read

Por primeira vez en 32 anos, desde o comezo da súa existencia o 30 de setembro de 1992, xa daquela presentado por Xosé Ramón Gayoso, Luar, o programa emblema da TVG, viu este venres cancelada a súa emisión planificada por motivos directamente relacionados cos medios públicos. Se hai catro anos, ante a folga feminista do 8M de 2019, xa non se emitiu un Luar por decisión da empresa, non por incapacidade de facelo, desta volta, salientan os convocantes, foi a falta de persoal suficiente o que derivou no resultado máis significativo da primeira das dúas xornadas consecutivas de folga convocadas na CRTVG “contra a manipulación e represión” e o “clima laboral asfixiante” nos medios de comunicación públicos galegos. No eido deportivo as consecuencias aínda ían ser maiores na tarde deste sábado, con múltiples eventos implicando equipos de todo o país, mesmo cun derbi, o Obradoiro-Breogán en baloncesto. Ás catro da tarde, cando deberían comezar a rolda de resultados e as retransmisión desde múltiples localizacións, a Radio Galega ofrecía un programa gravado do 16 de novembro. A folga deste venres e sábado está a ter un impacto na programación maior que o paro convocado hai dúas semanas. Agora, salienta o comité de empresa, a «manipulación desatada» e a «represión e marxinación» do persoal crítico levou ao máximo «un clima laboral insostible e irrespirable» que fai que moitos denuncien publicamente supostas prácticas que antes non eran tan coñecidas.