A forza da loita e reivindicación feministas xa é unha impronta perpetua a través da arte na praza do Concello de Vimianzo. Doctor Toy, o artista pertencente ó colectivo “Vella Escola” – que levan preto de 14 años facendo este tipo de traballos– foi o encargado de plasmar nunha das fachadas deste espazo a obra, que se estreou oficialmente este primeiro de maio, Día da Nai.
“Cremos que é importante homenaxear a reivindicación das mulleres no rural, en todos os niveis, e facelo nun día tan importante como o primeiro de maio para nós ten moitísimo significado”, sinalan desde o goberno local.
No mesmo podemos ver unha muller situada na Cruz do Loureiro de Vimianzo, onde predominan as cores da natureza pero tamén os violetas, que simbolizan a loita feminista, e de lonxe, o pobo de Vimianzo. A obra ten movemento, tanto polo ceo como pola saia da protagonista, que busca a profundidade na mensaxe. “Ten a vista posta máis aló, en Vimianzo ao fin e ó cabo, pero con ganas de querer mellorar a sociedade”, comenta a concelleira de Benestar Social, María José Pose.
“Quixemos poñer en valor o traballo das mulleres de sempre, que non é algo novo, dirixindo o traballo, as familias e destacar o posicionamento de tantas e tantas mulleres historicamente dentro da nosa sociedade”, din desde Vella Escola. “Vemos a unha persoa maior, con experiencia, pero que todavía mira máis aló”, apuntan.