A Fundación Amigos de Galicia forma a 16 mulleres para traballar en supermercados

Entrega diplomas curso repoñedor/a en supermecados_Cedida Concello de Carballo

  • O director xeral da entidade asistiu este martes na Casa do Concello ao acto de entrega de diplomas xunto co alcalde e a concelleira de Igualdade e Benestar

A Fundación Amigos de Galicia leva varios anos desenvolvendo en Carballo accións formativas para que as persoas con máis dificultades para acadar a inserción laboral poidan adquirir as destrezas precisas para conseguir ese ansiado posto de traballo.

Con ese obxectivo, ademais da formación profesional específica, que nesta ocasión foi un curso de repoñedor/a en grandes superficies, dentro do programa EM-Feminino, subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña, tamén se lles ofrecen itinerarios personalizados de busca de emprego “para adaptar as habilidades de cada persoa para buscar traballo”. Explicouno este martes o director xeral da Fundación Amigos de Galicia, Jesús Busto Peteiro, que asistiu á entrega de diplomas xunto co alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures.

Ao acto, que se celebrou no salón de sesións, asistiron unha parte das 16 alumnas e 1 alumno que participaron no curso de repoñedor/a, e que agora iniciarán as prácticas en supermercados da contorna, así coma as súas monitoras.

Evencio Ferrero manifestou a importancia de que este tipo de accións formativas resulten de utilidade para a finalidade última, que é conseguir traballo.