Nunha reunión mantida nas oficinas da Axencia Galega de Infraestruturas, a Fundación Brandomil, representada polo seu secretario xeral Eduardo Iglesias, presentoulle á Directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, diversas propostas para mellorar a seguridade da zona de entrada e saída da Ponte de Brandomil, entre as que está anchear o acceso a este lugar de lecer.
Outras melloras están dirixidas a contabilizar o número de visitantes; unha información útil para dispor de datos que melloren a atención ao público na Oficina de Información “Brandomil. Porta romana da Costa da Morte”.
Tamén se propuxo complementar a Oficina de Información cultural e turística da Fundación Brandomil, cunha pantalla LED no exterior, que permitirá promocionar lugares e eventos de toda a Costa da Morte.
A Fundación Brandomil convidou a María Deza a visitar Brandomil, para coñecer persoalmente o rico patrimonio arqueolóxico e histórico da antiga cidade romana a carón da estrada AC-441.