A Fundación Fernando Blanco de Cee desenvolverá a XIII Edición do Programa Educativo Cultural O Mes da Fundación

5 minutes read

A Fundación Fernando Blanco de Lema de Cee, coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e de Xallas Electricidade e Aleacións (XEAL), desenvolverá dende o sábado 26 de setembro ao sábado 24 de outubro a XIII Edición do Programa Educativo Cultural O Mes da Fundación.


O Programa “O Mes da Fundación” nacía no ano 2013 cando os daquela integrantes do Padroado da centenaria entidade ceense decidiron celebrar dun xeito especial o mes de outubro por ser este un mes cargado de simbolismo para a Fundación e para a vila de Cee, pois nel aconteceron dous dos feitos mais relevantes da recente historia da vila: o nacemento de Fernando Blanco de Lema o 18 de outubro de 1796 e a inauguración do Instituto que merecidamente leva o seu nome o 2 de outubro de 1886.


Dende esa primeira edición do ano 2013 e ao longo das posteriores que se celebraron de xeito ininterrompido, agás a edición de 2020 que se tivo que cancelar por mor da pandemia, pasaron por Cee personalidades relevantes nas súas distintas áreas de traballo a nivel autonómico, nacional e internacional, compartindo o seu saber con todos os asistentes ás distintas actividades que se programaron. Historia, ciencia, literatura, medicina e un longo etcétera foron algunhas das temáticas abordadas nas edicións pasadas, tendo sempre un protagonismo destacado a música e o teatro, por seren ambas as dúas grandes herdanzas culturais que naceron ao abrigo dos centenarios muros de pedra do Instituto Fernando Blanco e que hoxe, mais dun século despois, seguen a estar moi vivas e presentes no día a día da nosa localidade.


A estrutura desta XIII Edición é similar a de pasados anos, artellándose un programa específico para os distintos niveis educativos de tódolos centros educativos do Concello de Cee e para Asociación ASPADEX, a desenvolver en distintos días lectivos do mes de outubro en horario de mañá, e outro programa para o público en xeral que se desenvolverá o sábado 26 de setembro e os sábados 3, 10, 17 e 24 de outubro, con horario de inicio actividades ás 20:30 horas no Auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura de Cee.


XIII EDICIÓN PROGRAMA EDUCATIVO CULTURAL O MES DA FUNDACIÓN.


PROGRAMA PARA OS CENTROS EDUCATIVOS DE CEE
▪ MARTES 6 OUTUBRO (11 horas. Casa Cultura Cee). “GABINETE MARABILIA” con PABLO SÁNCHEZ “PABLÍSIMO”. Sesión de narración oral inspirada nos cuartos de marabillas ou gabinetes de curiosidades onde se coleccionaban obxectos encantados e misteriosos, aparellos científicos, antigüidades e todo tipo de prodixios. Alumnado de 1º e 2º de Primaria do C.E.I.P. Vila de Cee e do C.P.R. Manuela Rial; alumnado do C.E.I.P. de Brens; da E.E.I. de Pereiriña; e usuarios de ASPADEX.


▪ XOVES 8 OUTUBRO (10-11-12-13. Casa da Cultura de Cee). “NAVEGANDO POLO UNIVERSO”. Catro sesións de planetario portátil a cargo de ÍÑIGO DE LA QUADRASALCEDO, explorador e divulgador. Alumnado de 5º de Primaria do C.E.I.P. Vila de Cee e do C.P.R. Manuela Rial.


▪ MARTES 13 OUTUBRO (12 horas. Casa da Cultura de Cee). “CONTAR”. Sesión de contos, historias e memorias ligadas á
nosa tradición oral con CELSO FERNÁNDEZ SANMARTÍN. Alumnado de 1º de Bacharelato do I.E.S. Agra de Raíces e do I.E.S. Fernando Blanco.


▪ MARTES 20 OUTUBRO (12 horas. Casa da Cultura de Cee). “TUBOS DO MUNDO”. Concerto didáctico a cargo de XAVI LOZANO, onde comprobaremos que a música está alí onde queiramos atopala. Alumnado de 1º e 2º da E.S.O. do C.P.R. Manuela Rial; do I.E.S. Agra de Raíces e do I.E.S. Fernando Blanco.


▪ XOVES 22 OUTUBRO (11 horas. Casa da Cultura de Cee). “UNHA MAXIA DIFERENTE”. Sesión de maxia co MAGO PACO onde se traballa a igualdade poñendo en valor as nosas diferencias. Alumnado de 3º e 4º de Primaria do C.E.I.P. Vila de Cee, do C.P.R. Manuela Rial e usuarios de ASPADEX.

PROGRAMA PARA O PÚBLICO EN XERAL


▪ SÁBADO 26 SETEMBRO (20:30 horas. Casa Cultura Cee). “DE OBXECTO A SUXEITO: REESCRIBINDO O PAPEL DA MULLER NA CREACIÓN E NA PROMOCIÓN ARTÍSTICA”. Conferencia de MARTA RIERA, Doutora en Belas Artes. Recorrido por diversos contextos culturais, xeográficos e temporais de mulleres vinculadas a diversas disciplinas artísticas, analizando as súas experiencias vitais e o seu legado no presente.


▪ SÁBADO 3 OUTUBRO (20:30 horas. Casa da Cultura de Cee). “QUE TEMPO VAI FACER MAÑÁ? SUPERCOMPUTACIÓN
PARA PREDICIR O QUE AÍNDA NON PASOU”. Conferencia de DIEGO ANDRADE, Profesor e Investigador da Universidade da Coruña. Lumes que aínda non arderon; cicloxéneses que aínda non chegaron; vertidos que aínda non se espallaron: así se usa
a supercomputación para predicir o que aínda está por vir.


▪ SÁBADO 10 OUTUBRO (20:30 horas. Casa da Cultura de Cee). “OS DOUS DE SEMPRE”. Teatro con MOFA & BEFA. Obra
inspirada no célebre libro de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Os protagonistas, Pedriño e Rañolas, son contraditorios, antagónicos, polarizados, extremos …. pero amigos.


▪ SÁBADO 17 OUTUBRO (20:30 horas. Casa da Cultura de Cee). “COSTA DA MORTE. CARTOGRAFÍA DUN NAUFRAXIO”.
Teatro con MARIÑA LESTÓN. Unha viaxe ao pasado do noso mar a través de relatos reais e de cantigas populares. Obra
coproducida polo Centro Dramático Galego.


▪ SÁBADO 24 OUTUBRO (20:30 horas. Casa da Cultura de Cee). “A MÚSICA QUE NOS UNE, OS CAMIÑOS QUE NOS XUNTAN”.
Concerto comentado a cargo de ICÍA VARELA E HARUNA CHATANI. Pontes entre culturas a través do koto (instrumento tradicional xaponés de corda pulsada) e da pandeireta.