A Fundación Mujeres impartirá obradoiros de apoio a coidadoras de dependentes en Lendo e Montemaior

PIXABAY

O Concello e a Fundación Mujeres –coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña- desenvolverán na Laracha novos obradoiros presenciais de apoio integral a coidadoras de persoas dependentes residentes en zonas rurais que dará continuidade aos realizados nos últimos anos. A iniciativa é concibida como un recurso de orientación, acompañamento e apoio a distintos niveis (emocional, formativo, de activación persoal e social) que será un complemento aos recursos xa existentes de apoio á dependencia.

Deste xeito contribuirase a mellorar a calidade de vida das mulleres coidadoras, excoidadoras e futuras coidadoras, e a promover o seu desenvolvemento persoal e social aprendendo a demandar apoio de xeito eficaz e fomentando hábitos de vida máis saudables. Na metodoloxía do obradoiro primarán as actividades grupais dirixidas a reforzar as relacións sociais a través da interacción con mulleres que están na mesma situación.

A formación en materia de autocoidado, xestión emocional, habilidades de comunicación e autoestima pretende que as mulleres poidan exercer os labores de coidado dunha maneira máis saudable e que se minimicen os riscos que corren na actualidade asociados a malas prácticas e hábitos prexudiciais en relación ás tarefas que desenvolven como coidadoras.

Os obradoiros impartiranse en oito sesións, todos os martes desde o 23 de setembro ata o 11 de novembro. Nesta ocasión o programa realizarase en dúas parroquias, podendo escoller as participantes calquera delas:

  • Lendo (Centro Sociocultural do Cruceiro): 10:30 a 12:30 h.
  • Montemaior (Centro Sociocultural de Cumiáns): 16:00 a 18:00 h.

A inscrición, que é gratuíta, debe formalizarse no departamento de Servizos Sociais do Concello acudindo ao edificio administrativo da Laracha ou chamando ao 981612811. As prazas son limitadas e o prazo para anotarse é do 10 ao 18 de setembro.

Related posts

O Pleno da Laracha aproba por unanimidade a proposta para destinar os fondos do POS+ Adicional

O programa de exercicio físico para maiores de 65 anos arrincará o 1 de outubro en quince parroquias de Carballo

Íntegro inicia unha campaña de limpeza de praias na Costa da Morte da man de Diversiplás