A Laracha acollerá un obradoiro de apoio a persoas coidadoras de dependentes no rural

1 minutes read

O Concello e a Fundación Mujeres –coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña- desenvolverán na Laracha un novo obradoiro presencial de apoio integral a persoas coidadoras de dependentes que sexan residentes en zonas rurais e que dará continuidade aos realizados nos últimos anos. A iniciativa é concibida como un recurso de orientación, acompañamento e apoio a distintos niveis (emocional, formativo, de activación persoal e social), sendo un complemento aos recursos xa existentes de apoio á dependencia.

Deste xeito contribuirase a mellorar a calidade de vida das persoas coidadoras, excoidadoras e futuras coidadoras, e a promover o seu desenvolvemento individual e social aprendendo a demandar apoio de xeito eficaz e fomentando hábitos de vida máis saudables. Na metodoloxía do obradoiro primarán as actividades grupais dirixidas a reforzar as relacións sociais a través da interacción con persoas que están na mesma situación. A formación en materia de autoestima, xestión emocional, relaxación e conciencia corporal e escoita activa pretende que as persoas participantes poidan exercer os labores de coidado dunha maneira máis saudable e que se minimicen os riscos que corren na actualidade asociados a malas prácticas e hábitos prexudiciais en relación ás tarefas que desenvolven como coidadoras.

O obradoiro constará de dez sesións que se impartirán os luns do 18 de setembro ao 20 de novembro en horario de 16:00 a 18:00 horas no centro sociocultural de Vilaño.

A inscrición, que é gratuíta, debe formalizarse con data límite o 15 de setembro no departamento de Servizos Sociais, acudindo ao edificio administrativo da Laracha ou chamando ao 981612811.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?