A furgoteca levará servizos bibliotecarios aos veciños de 20 concellos do rural

1 minutes read

A furgoteca, o novo servizo de bibliotecas móbiles da Xunta de Galicia, botará a andar a finais deste mes nun total de 20 concellos das provincias de Lugo e Ourense. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, durante a súa presentación onde se deu a coñecer a imaxe dos vehículos que itinerarán polos concellos.

Como expresou, a medida permite “seguir avanzando” no propósito de garantir “o acceso da cultura a todos os galegos e estender estes servizos a todo o territorio” con iniciativas que cubrirán as necesidades da poboación en igualdade de condicións dando resposta aos obxectivos do Plan Xeración Cultura, a folla de roteiro dotado con 34 M€ coa que o Goberno galego acompaña a expansión do sector cultural a través dunha batería de medidas para a innovación, modernización, dixitalización e acceso universal á cultura.

Román Rodríguez explicou o funcionamento das bibliotecas móbiles que viaxará dúas veces ao mes a cada un dos concellos. Organízase de tal maneira que uno dos días A furgoteca asentarase nos lugares de maior afluencia de público, onde se celebran feiras e mercados e hai centros de saúde, residencias, pavillóns de deportes ou centros socioculturais. O segundo día a biblioteca móbil realizará un percorrido polos núcleos e aldeas para ofrecer un servizo personalizado porta a porta.