O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación pública da Gala do Libro Galego 2020 que este ano celebra a súa quinta edición e que terá un formato virtual. Será conducida por Quico Cadaval e difundirase o vindeiro sábado 21 de novembro, ás 12,00 desde a canle de YouTube da Gala.
O titular de Política Lingüística sinalou que neste momento, “moi delicado para as creadoras e creadores, para a cultura en xeral, as administracións debemos coordinarnos e arroupar especialmente o proceso creativo, o sistema cultural e literario galego». E lembrou “o Plan de reactivación cultural fronte aos efectos da covid-19 aprobado pola Xunta de Galicia hai seis meses e dotado con máis de 26M€ ”.
Na rolda de prensa participaron tamén a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, e, por parte das entidades da organización, o vicepresidente da Asociación Galega de Editoras (AGE), Henrique Alvarellos; o vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia (FLG), Xosé Antón Pedreira Mirás, e o presidente da Asociación de Escritoras en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez.