A Garda Civil advirte dunha nova estafa telefónica que acaba de chegar a España. Son chamadas perdidas con prefixos estranxeiros que, de se devolveren, poden custar caras. As forzas de seguridade pídenlle ás persoas afectadas que denuncien.
«Adoitan ser números internacionais de Albania, Costa de Marfil, Ghana ou Nixeria nos que ti recibes unha chamada e colgan axiña», explica Francisco Molina, voceiro de comunicación da Garda Civil.
Do mesmo xeito, se recibe unha chamada gravada na que o informan do cargo na súa conta bancaria dunha viaxe, saiba que se trata doutra fraude. Segundo a Garda Civil, para anular o pago obrigan a chamar a números que comezan por 803, 806 e 807. En realidade, son servizos para adultos e de lecer con tarifa adicional.
A Garda Civil recomenda informarse dos novos calotes a través da súa conta de Twitter e da web do Grupo de Delitos Telemáticos. No caso de caer na trampa, as forzas de seguridade aconsellan presentar denuncia para evitar que a estafa se estenda e siga sumando vítimas.