- O modus operandi dos ciberdelincuentes baséase en facerse pasar por axentes do servizo técnico de Microsoft para solucionar un problema inexistente
A Comandancia da Garda Civil da Coruña puxo en alerta aos cidadáns sobre unha nova campaña de estafa telemática, onde os delincuentes simulan ser o servizo técnico de Microsoft.
Segundo fontes policiais, o modus operandi baséase nunha primeira chamada directa ao teléfono da vítima. Ao contestala, os estafadores identifícanse, en inglés ou español, como un servizo de soporte técnico e infórmanlle ao oínte de que os seus dispositivos están en risco e é necesario realizar accións urxentemente. Posteriormente aparecerá no navegador web que use a vítima un aparente aviso do sistema xunto cun número de teléfono de axuda para poder solucionar un problema inexistente. A partir dese momento, vítima e estafador póñense de novo en contacto e comparten datos que lle permitirán ao delincuente acceder a través de control remoto ao computador da persoa que está a ser estafada.
Se isto chega a producirse, toda a información que hai no sistema pasaría a mans destes estafadores, incluíndo fotos, vídeos, documentos, contrasinais de redes sociais, correo electrónico, banca electrónica… A propia integridade do equipo tamén pode verse deteriorada, xa que son comúns os casos nos que o falso soporte bloquea o equipo instalando un malware para posteriormente solicitar un pago para o seu desbloqueo.
Desde a Garda Civil poñen a disposición algúns consellos para ter en conta:
- Desde Microsoft, non se poñerán en contacto con ningún usuario salvo que expresamente este o solicitase.
- Debemos manter a calma en todo momento e non seguir as indicacións que nos dean estes ciberdelincuentes.
- En caso de dúbida, é preferible que cortemos as comunicacións, e analicemos polos nosos medios o equipo coas ferramentas e programas antivirus e de limpeza dos que dispoñamos, para avaliar que realmente o noso equipo non se atopa en risco.
- Contactar directamente con Microsoft ou un servizo técnico de confianza que nos axude nestas tarefas.
- Non conceder acceso remoto a ninguén salvo que estamos completamente seguros de que se trata dunha persoa coñecida e de confianza.