A Garda Civíl analiza o tacógrafo e os datos do ABS e do GPS do autobús accidentado no Lérez


Os axentes especializados en reconstrucións de accidentes da Garda Civil (ERAT) estiveron recompilando datos sobre o sinistro de Cerdedo-Cotobade. Pola mañá deste mércores, no lugar do sinistro; pola tarde, na nave da empresa onde permanece o autobús.

Alí analizaron a carrozaría, o tacógrafo, o sistema de freado ABS e a información do GPS. Todos estos datos van ser claves para determinar as causas do accidente porque esclarecerán cuestións relativas á velocidade á que ía o autobús ou ás condicións do freado.

A reconstrución do accidente na ponte de Pedre empezou cunhas condicións meteorolóxicas semellantes ás da Noiteboa. A chuvia volveu orixinar unha bolsa de auga no lugar en que se precipitou o autobús. A proba de freado feita por unha furgoneta non puido ser máis realista. “O que buscamos é simular as pegadas da freada, medir o tempo e a distancia de freada. E ver a súa capacidade de drenaxe tamén”, comenta Roberto Prado, do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra.

Os axentes traballaron no lugar do accidente durante catro horas. Empregaron un láser tridimensional e un dron para reproducir a estrada e o viaducto en tres dimensións.