A Garda Civil comisou 14 Kg de capturas ilegais no porto de Barizo

Foto.- Guardia Civil.

O Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil do Posto de Arteixo comisou 14 Kg de capturas ilegais de diferentes especies así como 4 centolas no porto de Barizo, en Malpica. Os feitos sucederon cando efectivos do mencionado servizo, no marco dun operativo contra o furtivismo con especies procedentes do mar, detectaron unha embarcación a motor regresar a porto.

Os compoñentes da Garda Civil observaron na embarcación a unha persoa con traxe de neopreno,a cal baixou un capacho de plástico negro e unha rede de pesca deportiva escondéndoos no dique que se atopa na rampla pola cal baixan as embarcacións ao porto, posteriormente recolleu os aveños utilizados para a pesca (mochila, aletas, fusil…), fondeando a embarcación e subindo a un vehículo co que realiza varias manobras polo porto, para posteriormente volver a rampla onde recolle a rede e a introduce na auga.

Nese momento é identificado polos axentes, comprobando que a rede contiña 4 centolas as cales lanzaron un valor de 8Kg tras a súa pesada e o capazo capturas de diferentes especies cun peso total de 14 Kg.

A Garda Civil procedeu á confección das pertinentes denuncias por suposta infracción á Lei de Pesca de Galicia e ao comiso das capturas. As centolas incautadas foron reintegradas ao mar ao atoparse vivas e o resto de capturas entregáronse no Centro Benéfico Padre Rubinos da Coruña.