A Garda Civil comisou en Carballo 2.016,5 quilos de sardiña sen a etiquetaxe que garanta a súa trazabilidade

O Servizo Marítimo Provincial da Garda Civil de ACoruña interceptou 2.016,5 quilos de sardiña en Carballo. Os feitos producíronse ao observar os gardas civís a descarga directa das capturas dun pesqueiro a unha furgoneta, no Porto de Malpica.

Os efectivos do Servizo Marítimo provincial, iniciaron o seguimento do vehículo pola estrada AC-418, interceptándoo cando accedía á ligazón coa autoestrada AG55 na localidade de Carballo.

Unha vez identificado ao condutor e propietario do vehículo, procederon á comprobación do interior do mesmo, achando 136 caixas de sardiña fresca, sen ningún tipo de documentación que acreditase a súa trazabilidade nin amparase o seu transporte.

A furgoneta e o seu contido foron trasladados á Lonxa do Porto da Coruña, para a pesada da mercadoría, obtendo un valor de 2.016,5 quilogramos. Os gardas civís procederon á incautación das sardiñas e á confección das pertinentes denuncias, ao propietario do vehículo por carecer da documentación que ampare o transporte das mesmas e ao armador do pesqueiro por non declarar as capturas, demorar a comunicación de regreso a porto e superar o tope semanal desta especie.

As sardiñas incautadas, foron entregadas no Banco de Alimentos Rías Altas.

Mercadoría incautada en Carballo. Foto.- @guardiacivil

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha