A Garda Civil detén a catro persoas por furto de fío telefónico na comarca de Ordes


O equipo Roca da Garda Civil de Santiago de Compostela detivo, en colaboración co posto de Melide e co de Santiago, a catro persoas integrantes dun grupo criminal que se dedicaba á substracción de fíos nos tendidos telefónicos nas áreas rurais das comarcas de Ordes e Santiago. A investigación dera comezo no mes de novembro tras coñecerse o roubo de fío en Trazo. Naquel momento foi detido no mesmo lugar un dos integrantes do grupo mentres realizaba o corte e preparación do fío para levalo nunha furgoneta alugada.

A investigación posterior identificou e permitiu a detención doutras tres persoas relacionadas. Os roubos producíanse de noite, en zonas boscosas e estradas secundarias. En total roubáronse 8 quilómetros de fíos, cuns danos valorados en 115.000 euros e cortes prolongados na liña telefónica. O corte das comunicacións chegou a pór en risco a usuarios con servizo de teleasistencia, sinala a Garda Civil.

Aos detidos impútaselles agora un total de oito delitos de furto,un delito de estragos e outro de pertenza a grupo criminal. Os 1.200 metros de fío recuperado entregáronse de novo a Telefónica España SA, a empresa afectada. Os detidos pasaron á disposición do Xulgado de Instrución Nº2 de Ordes. Non se descartan novas detencións xa que a investigación continúa aberta.