A Garda Civil deu a coñecer este martes a detención o pasado venres dunha muller como presunta autora dun delito de apropiación indebida no aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Marchou co bolso que unha pasaxeira deixara sobre un banco na zona de embarque. Cando a propietaria regresou a buscalo, xa non estaba no lugar que o deixara. No seu interior gardaba os documentos de identidade dos catro membros da súa familia, as tarxetas de embarque, un teléfono móbil e 1.060 euros en efectivo. A Garda Civil logrou identificar a unha muller na cola de embarque dun voo con destino a outro país co diñeiro en efectivo. O bolso fora guindado na papeleira dun aseo do mesmo aeroporto.