A Garda Civil detivo a un home en Vimianzo por un delito de lesións graves a outro

Archivo.

A Garda Civil, segundo informa nun comunicado, detivo a un home en Vimianzo por golpear a outro cun vaso de cristal na cara e provocarlle lesións polas que estivo ingresado con risco de perder o ollo esquerdo. Os feitos producíronse cando se atopaban nun establecemento hostaleiro. Os dous implicados iniciaron unha discusión e un deles acabou golpeando ao outro co vaso no rostro, o que provocou que o agredido se quedase inconsciente no chan mentres o presunto autor abandonaba o lugar.

Debido a este episodio, o agredido sufriu un profundo corte que ocupa todo o lado esquerdo da cara e polo que tivo que recibir máis dunha decena de puntos. Tamén lle provocou importantes lesións no ollo esquerdo polo que tivo que ser ingresado cinco días con risco de perda total da visión e deste órgano. Tras a toma de declaración ao ferido e a diferentes testemuñas, a Garda Civil de Vimianzo detivo ao presunto autor dos feitos por un delito de lesións agravadas.

O apresado, xunto coas dilixencias instruídas, foi posto ao dispor do Xulgado de Instrución número 1 de Corcubión, que ordenou o seu ingreso en prisión preventiva, comunicada e sen fianza.