O Equipo Territorial da Policía Xudicial da Garda Civil de Carballo, detivo a un individuo como presunto autor dun roubo con violencia en casa habitada. Os feitos ocorreron o día 6 de abril do ano en curso, cando o detido accedeu a través dunha xanela, a unha vivenda no lugar de Proame – A Laracha.
No interior da mesma atopábase a propietaria, á cal obrigou mediante violencia a que lle indicase o lugar onde gardaba as xoias, subtraendo as mesmas, sendo valoradas pola vítima nuns 1.000 euros. Ata o lugar desprazouse o Equipo de Policía Xudicial, para a recollida dos vestixios e probas que conducisen á identificación do autor.
Tras a análise minuciosa das evidencias recollidas e as xestións realizadas, lograron a identificación plena do autor, procedendo á detención do mesmo. O detido e as actuacións realizadas, foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución Número 2 de Carballo.