A Garda Civil detivo a un veciño de Culleredo como presunto autor dun delito de estafa

Imaxe Garda Civil

Os feitos ocorreron por mor das denuncias interpostas polas vítimas en distintas localidades das provincias da Coruña e Cáceres. Nas mesmas os prexudicados comunicaban realizar compras nunha páxina da internet especializada en telefonía e electrónica a cal ofertaba grandes descontos en produtos novos, unha vez realizada a compra e ingresado o importe da mesma, as vítimas non recibían a mercadoría nin o rembolso da cantidade abonada.

A Garda Civil iniciou unha investigación en aras de comprobar a veracidade dos feitos e identificar o autor ou autores dos mesmos, logrando pescudar no seu transcurso que a páxina na que se realizaban as compras fora creada especificamente para realizar este tipo de estafas.

O modus operandi consistía en ofertar produtos de telefonía e electrónica con descontos de ata o 40% sobre o valor de mercado atraendo así ás posibles vítimas, as cales unha vez realizada a suposta compra, abonaban o o seu importe nunha conta pertencente a unha persoa relacionada coa organización, a cal exercía o labor de mula do diñeiro, traspasando posteriormente a cantidade recibida a unha das contas da organización.

Tras a análise minuciosa da información solicitada, logrouse a identificación plena dunha das persoas que realizaban o papel de mula do diñeiro, resultando ser un veciño de Culleredo. A garda Civil procedeu á detención desta persoa, como presunto autor dun delito continuado de estafa, sendo posto xunto coas actuacións realizadas, ao dispor do Xulgado de Instrución de garda de Ribeira.

A Garda Civil advirte de que a páxina web cuxa sede social supostamente está localizada nas Illas Baleares, aínda que tras as comprobacións realizadas realmente sitúase en Islandia, permanece activa, polo que aconsella a todos os usuarios da internet a adopción das máximas precaucións para a realización das súas compras.