A Policía Xudicial da Garda Civil de Noia detivo a un veciño de Rianxo como presunto autor dun roubo con violencia e intimidación, por un atraco perpetrado nunha farmacia da devandita localidade barbancesa. Os feitos que se lle atribúen rexistráronse o pasado 12 de marzo cando un home accedeu ao interior do establecemento coa cara tapada, introduciuse na parte interior do mostrador esgrimindo un coitelo de grandes dimensións e subtraeu o caixón da máquina rexistradora.
No devandito negocio atopábase unicamente a farmacéutica que, ao verse ameazada polo atracador saíu correndo do local e posteriormente denunciou os feitos no cuartel da Benemérita na localidade rianxeira. Efectivos do instituto armado iniciaron unha investigación para tratar de pescudar a identificación do autor do feito delituoso. No transcurso da mesma e grazas ao visionado das cámaras de seguridade da farmacia, os compoñentes da citada unidade xudicial puideron obter imaxes de gran interese para a identificación do atracador que, tal e como xa se indicou, resultou ser un rianxeiro, con antecedentes policiais e penais por feitos similares.
Tras obter a autorización xudicial para levar a cabo un rexistro domiciliario, a Garda Civil achou pezas de similares características ás que vestía o agora arrestado o día dos feitos, así como un coitelo moi parecido ao utilizado para ameazar á farmacéutica e o caixón da rexistradora subtraído do establecemento. O detido, xunto coas dilixencias practicadas, foi posto ao dispor da autoridade xudicial no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 2 de Padrón.