A Garda Civil incauta en Cee mil quilos de sardiña descargados por unha planadora

Foto.- Garda Civil

  • A Benemérita destaca a similitude do modus operandi deseñado para a pesca ilegal co utilizado para o contrabando e o narcotráfico.

Axentes do Servizo Marítimo da Garda Civil incautáronse dun total de 1005 kg de sardiña que foran descargadas por unha embarcación no peirao de Cee eludindo todas as canles legais de comercialización e trazabilidade establecidos pola normativa vixente.

O Servizo Marítimo da Garda Civil detectou en augas da enseada de Corcubión a navegación dunha planadora sen ningún tipo de iluminación de sinalización. En poucos minutos os gardas civís comprobarían como a referida planadora, que navegara con rumbo cara á saída da ría, volvía de novo á mesma pero esta vez con dirección ao porto de Cee e con varias caixas de cor verde a bordo, mantendo apagada a iluminación para dificultar ou impedir a súa localización.

Ante as evidencias de que a carga da planadora puidese estar relacionada, cando menos, coa pesca ilegal, os axentes do Instituto Armado despregáronse de inmediato polo porto ceense, onde, concretamente na zona da rampla da depuradora, acharon 64 caixas con sardiña que sen dúbida foran desembarcadas pola embarcación sorprendida.

A Garda Civil, a pesar de que recoñeceu exhaustivamente a zona e os accesos á mesma, non logrou localizar nin volver divisar a referida planadora, pero tampouco a persoa algunha que puidese estar relacionada con estes feitos, o que asenta as sospeitas de que os responsables do peixe decidiron abandonalo e eludir así o labor inspector e, en consecuencia, a posible sanción que lles puidese recaer.

O peixe incautado, que sumou un total de 1005’44 kg, foi trasladado á base do Servizo de Gardacostas da Xunta de Galicia en Muxía, desde onde será repartido para centros benéficos da provincia. A Garda Civil, que está a cumprimentar a acta para poñer os feitos en coñecemento da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, continúa coas investigacións que permitan o total esclarecemento dos mesmos e a investigación da identidade dos seus responsables.