A Garda Civil incautou 1.116 quilos de sardiña en Malpica

1 minutes read

O Servizo Marítimo Provincial da Garda Civil da Coruña incautou 1.116 quilogramos de sardiña no porto de Malpica. Os feitos sucederon cando efectivos da mencionada unidade se atopaban realizando un servizo de control de capturas na localidade.
No transcurso do mesmo, observaron como dunha embarcación de pesca se realizaba unha descarga de sardiñas nas instalacións do porto, unha vez concluída a descarga apagaron as luces da embarcación e procederon a realizar outra descarga doutra partida de sardiñas directamente a un camión estacionado nas proximidades, sen realizar a preceptiva pesada.
Os efectivos actuantes procederon á inspección da mercadoría embarcada no vehículo, solicitando ao condutor a documentación que amparase a carga e transporte da mesma, constatando que este colocara nas caixas etiquetas de trazabilidade con datos falsos, dado que a mesma non pasara pola lonxa para a pesada e por tanto carecían de etiquetas.
A Garda Civil procedeu á confección de 4 actas-denuncia por supostas infraccións á Lei 11/2008 de Pesca de Galicia, por exceso de tope de capturas, non cumprimentar o diario DEA, realizar un transporte sen a correspondente documentación. falsificar os datos de trazabilidade e á incautación das sardiñas descargadas no camión.
As sardiñas incautadas foron entregadas no Banco de Alimentos Rías Altas.