A Garda Civil incautou case 70 quilos de centola no porto de Caión

1 minutes read

O Servizo Marítimo da Garda Civil da Coruña comisou 69,5 quilos de centola no porto de Caión, valorados en 1.730€. Nun operativo contra o furtivismo dentro da campaña de Nadal os axentes observaron na porta dun galpón do Porto de Caión ao propietario cun carro con rodas e ao seu lado unha bomba de achique. A Garda Civil procedeu á inspección do interior do devandito galpón localizando un bin de plástico gris cun circuíto de circulación de auga salgada a modo de viveiro en cuxo interior había 41 quilogramos de centola viva que carecía de trazabilidade, así como de autorización e número de rexistro sanitario.

Na mesma noite membros do Servizo Marítimo localizaron dous sacos fondeados con 28,5 quilogramos de centola suxeitos con mosquetóns metálicos a un cabo amarrado a unha embarcación. Por tales feitos procederon á confección das pertinentes denuncias por supostas infraccións á Lei de Pesca de Galicia pola tenencia e almacenamento de produtos procedentes do marisqueo sen ningún tipo de trazabilidade, e pola tenencia e almacenamento de produtos procedentes do marisqueo sen autorización. A Garda Civil reintegrou as centolas ao mar ao atoparse vivas.

Vídeo da entrada ao galpón das centolas.