A Garda Civil interceptou a un ciclista en Mugardos cunha taxa de alcoholemia de 0,71mg/l

Os feitos ocorreron no quilómetro 7,100 da estrada AC- 133 durante un servizo de prevención da seguridade viaria. A forza actuante detectou a presenza dunha bicicleta na vía, realizando unha serie de manobras irregulares e antirreglamentarias, levantando a sospeita de que o seu condutor puidese estar baixo a influencia de bebidas alcohólicas ou substancias estupefacientes.

En base ao observado, efectivos da patrulla procederon a detela e a realizarlle as probas de detección de consumo das substancias anteriormente mencionadas. Tras someterse ás probas o condutor deu negativo en consumo de substancias estupefacientes, arroxando á súa vez unha taxa de 0,71mg/l na primeira proba de detección de condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas e 0,68 mg/l na segunda.

Ante os feitos descritos, a Garda Civil procedeu á confección da correspondente denuncia administrativa, a pesar de superar o límite legal para consideralo delito, dado que ao non ser condutor de vehículo de motor non está incluído no artigo 379-2 do Código penal, pero si carrexa unha sanción económica por un importe de 1.000€.

A estes condutores, do mesmo xeito que ao resto de usuarios da vía, realízanselles controis de detección de consumo de substancias estupefacientes e bebidas alcohólicas, non sendo normal que dean positivo dado que a maioría utilizan este vehículo para realizar exercicio físico.

Desde a Agrupación de Tráfico da Garda Civil do Subsector da Coruña, lembran que a condución baixo os efectos de bebidas alcohólicas con este tipo de vehículos é igualmente perigosa para os seus condutores, especialmente pola súa vulnerabilidade e pola pouca estabilidade dos mesmos e a diminución de reflexos á hora de ter que reaccionar ante calquera imprevisto na Vía.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha