O Equipo Pegaso (Policía Especialista en Xestión Aeronáutica e Seguridade Operacional) da Garda Civil investigou a un veciño de Vigo residente na Coruña que supostamente fixo chocar o dron que voaba contra a lanterna do faro da Torre de Hércules. Segundo informa o Instituto Armado nun comunicado, os vixiantes de seguridade da propia torre recuperaron o dron que acababa de ser estrelado e puxérono en coñecemento da Garda Civil. Aínda que o piloto recuperou o aparello «dando datos erróneos ao persoal laboral da Torre», informa a Benemérita, o Equipo Pegaso iniciou unha investigación co fin de pescudar a identidade do propietario e comprobar se tiña as autorizacións correspondentes.
Tras identificalo, o home manifestou que se atopaba facendo «un voo recreativo» co dron para realizar unha reportaxe de vídeo e debido a un refacho de vento perdeu o control da máquina, que acabou estrelándose contra o faro. O piloto carecía de autorización, titulación e permiso para voar a aeronave en zona controlada (CTR) do aeroporto de Alvedro. «O espazo aéreo da cidade da Coruña e, en concreto, a zona da Torre de Hércules e as súas inmediacións, é unha zona sensible e controlada por ser unha canle de paso cara ao aeroporto, debido ao seu tráfico aéreo de aviación lixeira e servizos aéreos de emerxencias», explican fontes da Garda Civil.
Os feitos foron propostos para sanción e en coñecemento da Axencia Estatal de Seguridade Aérea. A Garda Civil aconsella visitar a web de Enarie e seguir as recomendacións da Axencia Estatal de Seguridade Aérea para voar un dron «de forma segura».