A Garda Civil investiga un accidente de moto no que morreu unha muller en Boiro

1 minutes read

A Garda Civil investiga as circunstancias dun accidente de moto no que morreu unha muller de 39 anos no concello de Boiro. Aconteceu na parroquia de Cespón, no punto quilométrico 22 da estrada comarcal AC-305, pouco antes das seis da tarde deste sábado. Os axentes tratan de determinar se a falecida viaxaba na motocicleta, canda o piloto que resultou ferido grave, ou se ía camiñando pola beirrarúa. Ademais da moto, no sinistro viuse implicada unha furgoneta.

Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE-112) avisouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que comunicou a mobilización do helicóptero medicalizado con base en Ourense, pero, finalmente, a súa intervención quedou descartada ao atoparse unha ambulancia con persoal médico no lugar do suceso.

Desafortunadamente, malia os esforzos do equipo médico desprazado ata o punto nada puido facer por salvarlle a vida á muller. Compre sinalar que para prestar apoio aos equipos de intervención desprazados, desde o CIAE-112 pasouse aviso aos Bombeiros de Boiro, aos membros do Servizo Municipal de Protección Civil da localidade, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e ao servizo de mantemento das estradas.