- O sospeitoso foi localizado en Colombia
Este xoves a Garda Civil presentou ao sospeitoso da morte de Álvaro Paredes ante a autoridade xudicial de Ordes, despois de que o presunto autor fose extraditado a España desde Colombia.
Os feitos remóntanse ao 17 de xullo de 2016, cando o Equipo de Persoas da Policía Xudicial da Garda Civil da Coruña recibiu un aviso desde a Central Operativa de Servizos 062 da Comandancia da Coruña do achado do cadáver dun home nun escampado da localidade de Ordes.
O falecido respondía ao nome de Álvaro Paredes, e morreu por causa dunha agresión por arma branca.
As pescudas levaron ás autoridades ata un pub de Ordes, no que Paredes e o dj do local se pelexaron. Despois da agresión foi o propio falecido o que chamou a Urxencias 112 aínda que nada puideron facer por el, mentres que o pinchadiscos fuxía ata Madrid, e de alí a Colombia.
Detención en Colombia do presunto autor da morte de Álvaro Paredes. Vídeo cedido: @GuardiaCivil
A partir de momento, a investigación centrouse nos resultados de ADN que se podieron obter no cadáver. Desde os laboratorios de Madrid confirmouse a presenza dun perfil xenético dun home descoñecido, que deixara restos do seu propio sangue en roupas da vítima, podéndose tratar do sospeitoso da morte de Álvaro Paredes.
Despois de complicadas xestións, o laboratorio de criminalística do Servizo de Criminalística de Madrid, concretamente o Departamento de Bioloxía, determinou que a mostra coincidía co obxectivo. Posteriormente e tras solicitar todos os indicios determinantes, entregáronse todos os informes perante o xulgado de Ordes, solicitando que acordase a procura, detención e extradición do sospeitoso, que se atopaba en Colombia.
Finalmente e tras realizar diversos contactos de cooperación internacional, a través da Interpol e doutras unidades da Unidade Técnica de Policía Xudicial, en maio de 2018 conseguiuse que a Policía Colombiana localizase ao presunto autor dos feitos e procedese á súa detención en Bogotá. Tras ese tempo e despois de liquidar os trámites na Corte Internacional de Colombia, acordouse a súa extradición e posterior traslado a España, onde no día de hoxe foi presentado pola Garda Civil ante a autoridade xudicial de Ordes.