A Garda Civil realizará unha exibición de medios solidaria no CEIP Otero Pedrayo da Laracha o 21 de outubro

Este luns presentouse na Laracha a exhibición solidaria de medios da Guardia Civil, que terá lugar o luns 21 de outubro no CEIP Otero Pedrayo. O acto contou coa participación do alcalde, D. José Manuel López Varela; a concelleira de Ensino, Dna. Patricia Bello; o tenente coronel D. Julio González Chas, responsable do Plan Director da Comandancia; e o cabo 1º D. Sergio García Vázquez, formador do Plan Director da Compañía de Carballo.

O obxectivo desta iniciativa é achegar o labor da Guardia Civil á poboación, especialmente aos máis novos, para que coñezan de preto o funcionamento das distintas unidades e o importante labor que desenvolven ao servizo da sociedade. Ademais, a exhibición terá un carácter solidario, xa que se solicitará ás persoas asistentes achegar alimentos non perecedoiros que serán doados a Cáritas da Laracha.

O evento do día 21 celebrarase en dobre horario: pola mañá, de 10:00 a 14:00 horas, será destinado exclusivamente aos escolares e, pola tarde, de 16:00 a 18:00 horas, abrirase a toda a cidadanía.

Entre as principais atraccións da exhibición destacan as demostracións do Servicio Cinológico y Remonta (SECIR), co seu espectacular traballo cos cans adestrados na busca de persoas, explosivos e drogas, así como a presenza do helicóptero da UHEL (Unidad de Helicópteros), que será desprazado ata A Laracha para a ocasión.

Tamén participarán estas unidades da Guardia Civil, con persoal, equipamento e vehículos:

  • GEDEX (Grupo de Especialistas en Desactivación de Artefactos Explosivos).
  • USECIC (Unidad de Seguridad Ciudadana de Comandancia).
  • UOPJ (Unidad Orgánica de Policía Judicial).
  • SEPRONA (Servicio de Protección de la Naturaleza).
  • PAFIF (Patrulla Fiscal y de Fronteras).
  • Equipo PEGASO (Policía especialista en gestión aeronáutica y seguridad operacional).
  • Seguridad Ciudadana.
  • OMAP (Oficina Móvil de Atención al Peregrino).
  • GEAS (Grupo de Especialistas en Actividades Subacuáticas).
  • ERIM (Equipo de Rescate e Intervención en Montaña).
  • Subsector de Tráfico.

A cita promete ser unha xornada inesquecible para o alumnado, que poderá interactuar co persoal e coñecer de primeira man o funcionamento das distintas unidades. Tamén será unha oportunidade única para que toda a veciñanza da Laracha poida asistir e desfrutar dunha exhibición de medios espectacular.

O Concello anima a todas as persoas a participar pola tarde, achegarse ao recinto escolar e colaborar coa recollida de alimentos, contribuíndo así tanto á causa solidaria en beneficio de Cáritas da Laracha como a reforzar o vínculo de proximidade entre a Guardia Civil e a cidadanía.

Related posts

Unha agrupación industrial do motor planea instalarse no polígono da Laracha, con 600 empregos

O PSdeG reclama o inicio dos trámites para adxudicar a construción do segundo tramo da autovía da Costa da Morte

Máis de 800 alumnos da Laracha desfrutaron do festival de teatro infantil en horario lectivo