A Garda Civil reforza persoal e equipo contra os incendios forestais

Garda Civil

  • No que vai de ano, xa houbo 36 detidos e investigados por incendios forestais en Galicia, onde o número subiu ata 61 ao longo do ano pasado

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, revelou hoxe que a Garda Civil incorpora 57 persoas e un helicóptero para reforzar a prevención estival fronte aos incendios forestais. Expresouse así acompañado polos responsables das Comandancias da Garda Civil de Pontevedra e A Coruña, Simón Venzal e Francisco Javier Jambrina, a alcaldesa da localidade, Verónica Pichel, e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, durante a presentación do dispositivo en Forcarei.

O dispositivo, que ten como obxectivo “previr os incendios forestais e investigalos se se producen”, empezou a traballar o pasado 1 de xullo e continuará a súa actividade ata o 30 de setembro. Responde a un dos obxectivos principais do Goberno, que ten no coidado do medio ambiente un dos seus eixos de actuación, que neste caso materialízase ao perseguir a súa protección. Ademais, nesta loita resulta de especial transcendencia a cooperación institucional, que se fai posible neste caso da man da Xunta de Galicia, que ten a competencia en Emerxencias na Comunidade.

“Na loita contra incendios, a Garda Civil implica a persoal de todas as áreas. En total, traballan en Galicia este verán 3.024 persoas para protexer a Comunidade do lume. Implica a Seguridade Cidadá, o Servizo de Información, o SEPRONA, a Policía Xudicial, a Unidade Aérea e Tráfico”, destacou Javier Losada.

Ademais, conta de forma específica con “57 persoas de reforzo, de distintas unidades como Cabalería, o Grupo Rural de Seguridade, o SEPRONA, a Policía Xudicial ou a Unidade Aérea, que ademais ten un helicóptero de reforzo”. “Estes súmanse aos 161 reforzos, cun helicóptero, que ten a Garda Civil en Galicia entre o 1 de xullo e o 15 de setembro polos plans Turismo Seguro e do Camiño de Santiago”, continuou.

Os reforzos do plan específico de incendios distribúense da seguinte maneira:

ZONA GALICIA
(Unidade/Especialidade)
PERSOAL REFORZO
(ata o 30 de setembro)
ESCUADRÓN/CABALERÍA 14 persoas
ARS 18 persoas
UNIDADE AÉREA 3 persoas e 1 helicóptero
POLICÍA XUDICIAL 10 persoas
SEPRONA 12 persoas
TOTAL 57 persoas e 1 helicóptero

O delegado do Goberno incidiu en que “a súa actividade parte dun traballo de campo constante, no que é fundamental a súa presenza para incidir na prevención, a mellor política contra incendios”. Isto cobra especial peso “nun contexto en que dous terzos dos incendios do verán son intencionados”, desvelou.

“Este traballo intenso, ademais de en esta campaña especial, faise cada día. No que vai de ano xa houbo 36 detidos e investigados por incendios forestais –11 Lugo, 18 Ourense e 7 Pontevedra–. En todo o ano pasado foron 61. Iso demostra a actividade constante das forzas e corpos de seguridade do Estado fronte aos incendios”, subliñou.

Relación de detidos e investigados este ano e en anos anteriores:

Provincias XAN FEB MAR ABR MAI XUN TOTAL
A CORUÑA             0
LUGO 1   2 3 3 2 11
OURENSE   2 8 1 5 2 18
PONTEVEDRA     1   4 2 7
TOTAL ZONA 1 2 11 4 12 6 36