- A presentación deste produto, creado por César de León, será o xoves ás 18:30 horas na cafetería do pavillón
A XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas será o marco da presentación oficial ao público da cervexa Serpent, un proxecto de César de León, natural de Dor (A Ponte do Porto). Un proxecto que naceu no 2020 pero que por temas económicos non saíu adiante ata o 2021, «ano no que comezamos a montar a fábrica cervexeira nunha nave do polígono de Carballo para, no mes de novembro, iniciar a fabricación», conta César de León.
Polo momento hai tres tipos de cervexas Serpent: a lager (máis típica), a pale lager (similar á anterior pero cambiando as maltas) e a franciscana, da que o seu creador avanza que «é unha ipa con bastantes notas florais e sabor a lúpulo». Tamén está en marcha unha cervexa tostada e outra sen glute.
A presentación e degustación destas cervexas terá lugar no pavillón da Mostra o xoves 14 de abril, ás 18:30 horas, na zona de cafetería.
De León destaca que a súa idea é trasladar a cervexeira a Camariñas, aínda que seguirá sendo fiel á esencia do proxecto xa que «o meu obxectivo non é facer unha gran distribución, a miña cervexa está deseñada para ser un produto gourmet, non quero vender volume, quero vender calidade».
Este produto pode atoparse en establecementos do concello camariñán como o restaurante O Bico, o Club Náutico, O Marina, bar Ariño e restaurante O Rojo. Tamén se vende en Vimianzo, Carballo e nos faros de Fisterra e Carnota.