A gastronomía vimiancesa volverá ao Salón Xantar de Ourense da man de Fabián Mouzo

Cita en Xantar 2022.

O Concello de Vimianzo participará, un ano máis, no Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar,  que se celebrará do 2 ao 5 de novembro en Ourense.

Será este xoves, día 2 de novembro, cando se realice unha demostración da elaboración de pratos típicos do municipio da man do chef local Fabián Mouzo no stand da Deputación da Coruña.

O primeiro dos tres showcooking que realizará nesta xornada será ás 13:00 horas, cando fará unha demostración da elaboración dos callos da Faguía de Carnés, declarada de Interese Turístico de Galicia.

O segundo será ás 17:30 horas. Neste amosará a confección do Chicharrón Irmandiño, recordando os Pinchos Irmandiños, petiscos da Festa do Asalto ao Castelo, declarada tamén de Interese Turístico de Galicia, e que tan só se poden idear con ingredientes da idade media.

A última demostración culinaria será ás 19:00 horas, na que preparará o tradicional xurelo marinado en auga de Sabadelle, elaborado a partir de produtos locais.

Ademais destas tres actuacións, neste evento tamén participarán distintos establecementos locais co obxectivo de darlle visibilidade aos seus produtos máis recoñecidos. Estarán presentes Cárnicos Domínguez, Mel do Perillán, Auga de Sabadelle, os doces de Silvina Muñoz e os bolsos de madeira e coiro de Suidade.

Desde o Concello aseguran que volver a ter representación en Xantar é “un privilexio e unha oportunidade para dar a coñecer algúns dos produtos estrela do noso municipio” e que serve, ao mesmo tempo, de expositor para “promocionar as nosas festas gastronómicas e algúns dos atractivos turísticos que temos para atraer a novos visitantes”.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha