Decenas de condutores víronse inmersos nun forte atasco na mañá deste martes na autoestrada AP-9 á altura da saída do aeroporto de Vigo, nunha xornada na que coincide a inauguración da Feira Mindtech co segundo día de folga do sector do metal da provincia de Pontevedra.
Desde perto das 9 horas rexistráronse longas colas na autoestrada que obrigaron decenas de coches a ficaren até media hora parados na saída cara ao Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), onde decorre dende este martes, e ata o xoves, a Mindtech. Ademais, os sindicatos convocaron concentracións ás portas das devanditas instalacións, polo que centenares de traballadores do metal xa roldaban a zona contra as 9.30 horas, dúas antes da inauguración da feira do sector.
Neste sentido, os sindicatos volveron a pedir á Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime) que «escoite aos traballadores» xa que «non están a pedir imposibles». Piden a actualización salarial conforme ao IPC e avances noutros temas prioritarios.
En concreto, o portavoz de UXT, Rubén Pérez, solicitou «sentido común» na mesa negociadora do convenio para que os empresarios «traian propostas que permitan desconvocar o conflito». Pola súa banda, Celso Carneiro, de Comisións Obreiras (CC.OO.), indicou que esta manifestación é a mostra de que os traballadores se manifestan «por vontade propia» porque «queren chegar a fin de mes». Tamén Xulio Fernández, da CIG Industria, reivindicou o «músculo do sector» para alcanzar un «convenio digno», polo que ameazou con máis xornadas de folga para conseguir «si ou si» o que se propoñen.